`Queremos cuidar tus animales contigo´

luns, 23 de xuño de 2014

Un tema de interese: orientacións acerca da elección dunha nova mascota


ELECCIÓN DUNHA MASCOTA

A elección dunha nova mascota debe estar dirixida, ademais de pola nosa ilusión e as nosas preferencias persoais, pola idea de obter un animaliño que responda ás expectativas que teñamos sobre o feito de compartir a nosa vida con el.

A este repecto, debemos ter unhas nocións sobre o comportamento e as necesidades de cada especie, das atencións que pode implicar un determinado formato físico (tamaño, constitución, tipo de pelo) e das particularidades de cada raza, especialmente no aspecto do carácter, que é un aspecto tan caracterizado nas diferentes razas coma o seu físico. Aínda que hai numerosas especies que poden oficiar como mascotas, as máis habituais son, con gran diferencia, os cans e os gatos:


Á hora de elixir un can temos que ter en conta varios factores importantes:

- carácter: podemos topar cans de personalidade tranquila, pacífica, activa, decidida, enérxica ou nervosa, máis ou menos afectuosos, independentes, xoguetóns, sociables... a este respecto, se nos decantamos por un can de raza, podemos buscar o tipo de carácter que máis nos reconforte. Se esperamos do can algún tipo de aptitude (caza, garda, pastoreo ...) tamén deberemos buscar entre as razas mellor dotadas para esa determinada función.
- pelo: un can de pelo longo vai precisar, como normal xeral, máis atención para a súa capa (cepillado, baño) e é máis complicado de manexar se o ten acceso ao interior en caso de que se molle -en especial se ten o rabo longo e peludo-. Para interior con acceso a exterior, é máis práctico un can de pelo corto e liso, que poidamos secar con rapidez.
- talla: os cans de tamaño pequeno adáptanse mellor a espazos reducidos, pero tamén adoitan ser máis rebulideiros. Os cans de formato mediano, como norma xeral, precisan poder correr habitualmente en espazos abertos. Os máis grandes non precisan exercitarse moito, pero si bastante espazo.
- sexo: existen diferencias inherentes no seu comportamento, e así, polo xeral, os machos tenden a ser máis activos e dinámicos, mentres as femias adoitan ser máis atentas ás indicacións dos amos e, por tanto, máis doadas de educar. As femias precisan un control coidadoso durante os periodos fértiles e poden manchar, pero a este respecto, hai que lembrar que é recomendable esterilizar as cadelas que non teñamos interese en reproducir.
 
Debemos ter en conta que -por desgraza- hai unha enorme dispoñibilidade de cans adultos que podemos adoptar e que por norma xeral se adhiren de xeito entusiasta á súa nova familia, e cos cales xa sabemos que tamaño, pelo e carácter teñen de maneira definitiva, sen a incertidume que pode supor un cachorro. Non o educaremos "pola nosa man", pero tamén aforraremos os inevitables destrozos que todo cachorro fai en maior ou menor medida.

Se nos decidimos por un cachorro, non queremos deixar de comentar que existen probas de carácter para realizar aos canciños de curta idade, por medio dos cales se intenta anticipar como será a súa persoalidade de adulto. O máis coñecido é o teste de Campbell. En calquera caso, o seu uso é controvertido.

Cachorro ou adulto, se nos facemos cun canciño temos que ser conscentes de que teremos que cumprir cas normativas de convivencia e hixiene (indentificar os cans, mantelos en boas condicións sanitarias, non maltratalos -nin abandonalos!-, limpar as súas dexeccións, non acceder ou deixalos soltos en lugares non autorizados, etc) e que seremos responsables de calquera dano que causen os nosos cans (as nosas mascotas en xeral), salvo que estean baixo a custodia dun terceiro, casos de forza maior ou imprudencia demostrable dun terceiro (o cal non nos exime do deber de auxilialo).

Existen seguros para cubrir as posibles responsabilidades a este respecto, que son obrigatorios no caso dos cans de razas potencialmente perigosas.



Elixir un gato: esta especie faise cada vez máis presente como animal familiar. Adáptase mellor cá o can a un modo de vida que fai que esteamos pouco tempo nas casas e permite estar menos atentos no día a día do coidado da mascota: non hai que sacalo a pasear, a subministración da comida é sinxela -dado que os gatos normalmente dosifican ben de seu a ración se lla deixamos sempre dispoñible-, e é un animal de dimensións reducidas -por tanto, con mellor acomodo nunha vivenda pequena- e basicamente limpo, coidadoso e silencioso, que seguramente non xerará molestias nun bloque de vivendas.

Con todo, a súa faceta cazadora faino case omnipresente nas casas de campo, onde case calquera gato criado alí axudará a manter a raia aos inevitables ratos de maneira natural... (e sen romper nada!).

En calquera caso, se pretendemos deixar que o noso gato teña acceso ao exterior, é preferible que teña o pelo curto, pois os de pelo longo non conseguen telo limpo, nin secarse se se mollan, e normalmente terminan por criar unhas compactas rastas que fan recomendable... rapalos.

Lembrar que os gatos con libre acceso ao exterior deben ser esterilizados. Temos que ter en conta que non é responsable permitir que aparezan niñadas indesexadas e moito menos fomentar a existencia de gatos asilvestrados, e que os machos con acceso a exterior van ter máis tendencia a merodear, a loitar con outros animais e a facer ausencias prolongadas... e perigosas para a súa integridade.
Ás veces, incluso os que viven en interior realizan molestos marcaxes con ouriños na época na cal as femias teñen os seus celos (desde decembro ata o verán). En canto ás femias, poden emitir incesantes vocalizacións durante os seus celos que tamén chegan a ser molestas. Todos estes problemas poden ser neutralizados esterilizando cirúrxicamente os gatos e gatas, algo que pode ser aconsellable sempre que non pretendamos ter gatiños. Para as femias, existen medicacións que permiten neutralizar temporalmente a súa fertilidade, para o caso de que se desexe criar con elas no futuro.

Os gatos de pelo longo son moito máis vistosos de aspecto e agradables de acariñar, pero temos que ser conscientes de que terlle o pelo ben implica dedicarlle uns minutos diariamente a cepillarllo.

Outra cousa importante: se queremos conseguir un verdadeiro vencello co noso gato, temos que proporcionarlle un contorno e un manexo cos cales se sinta cómodo e que nos poidan permitir conseguir gañarnos a súa confianza xa desde as primeiras semanas de convivencia. Esto é igualmente válido para gatiños e para adultos. Non esquezamos que para os gatos tamén podemos contemplar a opción da adopción.

Unha derradeira anotación: como norma xeral, os gatos son máis felices en entornos estables e en moitos casos "prefiren" que na súa casa non haxa máis mascotas. Tamén poden ser felices convivindo, pero esto implica un estrés potencial que temos que saber manexar, e desde logo: traer unha nova mascota (especialmente outro gato) ao "reino" dun gato adulto é unha decisión delicada, que non sempre sae o ben que esperariamos. Acepte os consellos do seu veterinario para tentar que todo vaia o mellor posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario