`Queremos cuidar tus animales contigo´

domingo, 20 de xullo de 2014

Indicacións para viaxar con mascotas


Eis unha serie de recomendacións que nos parece oportuno que coñezades se queredes viaxar con mascotas:
 
Non deixedes de ter en conta estes 4 puntos:
 
 
1- Visita previa ao veterinario: revisión física, comprobación da necesidade de vacinacións e desparasitacións especiais en función do lugar ao cal se viaxe, emisión de informes ou certificados de saúde que poden ser precisos para levar mascotas en transportes públicos e/ou ao estranxeiro, prescripción en caso necesario de sedantes e/ou medicacións contra o mareo. Ter en conta que nalgúns destinos os animais teñen que pasar un periodo de corentena antes de poder entrar libremente.
 
 
2- Preparar a súa equipaxe:
Caixa de transporte: é a mellor solución para que unha mascota viaxe segura e en moitos lugares poden esixila se queremos que quede nalgún intre soa. Para facturala nun transporte público deberá ser dun tipo homologado a este efecto.
A caixa debemos convertila nun refuxio seguro aos ollos da nosa mascota. Por eso, debemos afacela con antelación a permanecer nela nun entorno onde estea tranquila e relaxada. No caso dos gatos, colocala onda algún dos seus lugares favoritos para descansar. A maneira é porlle dentro unha mantiña ou coxín que empregue para descansar habitualmente e deixarlla así, sen porta (incluso sen cuberta superior), durante varios días, sin forzalo nunca a entrar. Se non entra espontaneamente, disporlle no interior xoguetes ou lambonadas. Cando entre, no caso dos cans, recompensarllo con agarimos, sempre nun tono relaxado. Cando xa entre de maneira espontánea, afacer á mascota a encerrala un instante a porta para que tolere estar dentro coa porta pechada. Para a intre da viaxe, debe ter dentro a súa mantiña e -no caso dos cans- un xoguete comestible. No caso dos gatos é interesante unha aplicación de feromonas faciais (Feliway).
 
 
Cama: se é posible -sobre todo para o caso dos gatos- levarlle a súa propia camiña vaino axudar a sentirse moito máis reconfortado.
Cepillo/champú: está ben levar un cepillo e incluso champú por se a nosa mascota se mancha (e non está de máis un quitamanchas, por se é ela a que manche algo)
Colar, correa e buzo: no caso dos cans, deben terse sempre a man.
Comida e auga: o ideal é non cambiarlle os hábitos alimentarios á nosa mascota. Debemos poder proporcionarlle auga sempre que o demande. Levar comedeiro e bebedeiro. Tamén debemos ter a man bolsas de plástico por se a nosa mascota ensucia (defeca, vomita).
Documentos: pasaporte e calquera outra documentación que nos poida ser precisa en función do lugar ao cal viaxemos. Recomendable por no colar unha placa identificativa.
Medicación: se a mascota toma algunha medicación, non esqueza levar toda a que poida precisar. Non está de máis levar tamén un botiquín para uns eventuales primeiros auxilios.
 
3 - Lembrar que é recomendable non darlles de comer nas 2 horas anteriores ao inicio da viaxe. No caso dos cans, sobre todo se non está afeito a viaxar, é recomendable tamén darlle un longo paseo antes de principiar a viaxe. Podemos usar un colar de feromonas (Adaptil) ou un calmante natural (por exemplo, Calmex), pero non dar ansiolíticos ou sedantes sen control veterinario.
 
 
4- Unha vez no lugar de destino, intentar seguir dentro do posible as rutinas habituais da vida da mascota (horario de comidas, de paseos...). Podemos usar feromonas (Adaptil nos cans, Feliway nos gatos) para atenuar o estrés orixinado polos cambios e polos estímulos descoñecidos.
 É recomendable favorecer, no caso dos cans, que queden sós nalgún intre do dia, para que non perdan a tolerancia a quedaren sós.
No caso dos gatos, debemos proporcionarlles unha "zona de seguridade" no novo territorio: reservar unha estancia tranquila, onde existan diferentes lugares onde agacharse, e colocar nela os elementos necesarios para o gato (comida, auga, bandexa, cama, mantiña, xoguetes), a ser posible os xa coñecidos, e deixalo que sexa el quen tome a iniciativa de sair desta zona de seguridade. Recomendable dispor unha segunda bandexa que quede máis lonxe da comida e a auga e colocar (a ser posible con antelación) un difusor de Feliway ou ben pulverizar nas esquinas, no chan e en superficies verticais ata a altura do gato.
No retorno a casa debemos realizar unha rutina similar.
 
Tamén pode ser importante:
 
Planificar as estancias:
Temos que ser conscientes de que na maioría dos establecementos hostaleiros de España non se admiten mascotas, por tanto debemos planificar as pernoctas (incluso as comidas) de xeito que o acompañamento da mascota non se convirta nun problema. Ter en conta que nos campings e que nas casas de turismo rural temos mellores posibilidades de que nos admitan mascotas. Tamén podemos contar coa alternativa das residencias de mascotas -en orixe ou en destino- para solucionar este posible problema.
 
Vantaxes e inconvintes dos diferentes medios de transporte:
Viaxar en AUTOCAR
Temos que ser conscentes de que os autobuses non teñen por que admitir mascotas a bordo, quedando esta decisión ao albedrío do condutor. Temos que asegurarnos antes de plantexarnos unha viaxe de que nola van admitir. Neste caso, temos que ter en conta de que non debe ir na bodega do veículo, un espazo que -sobre todo en tempo caloroso- será sen dúbida axfisiante. Non é admisible por tanto viaxar en autocar a menos que se nos permita levar a mascota connosco na cabina.
 
Viaxar en AVIÓN
Case sempre nos van pedir o pasaporte (que terá que estar cas vacinacións ao día) e un certificado de saúde para embarcar unha mascota nun avión. Poderá levarse como equipaxe de man se pesa pouquiño (frecuentemente, máximo 6 kg con transportín incluído), senón deberá ser facturado. É posible que haxa que sacar unha pasaxe para este efecto. Ter en conta que para os gatos, unha viaxe en avión resulta sumamente estresante (para ausencias non moi prolongadas, é preferible que permanezan en casa, enriquecendo o entorno con xogos tales como puzzles para gatos).
 
Viaxar en BARCO
 
O barco ten o inconvinte de que a mascota é practicamente seguro que se mareará, de xeito que debemos medicala para intentar evitarlle esa mala experiencia. Tamén nos esixirán o pasaporte actualizado e a certificación de boa saúde. Normalmente nos barcos está permitido visitar aos animais que viaxan nas bodegas, e incluso deixalos sair un instante, pero non debemos esperar que nos permitan levalo connosco durante a viaxe.
 
Viaxar en COCHE
 
É recomendable afacer ás mascotas ao coche se temos pensado facerlles desprazamentos en auto. No caso dos cans podemos ensinalos a permanecer primeiro tranquilos dentro do vehículo, primeiro co motor parado, despois co motor en marcha, e posteriormente facer paseos cada vez máis longos. No caso dos gatos, podemos levalos en pequenos paseos tranquilos no auto -sempre dentro dunha caixa de transporte-.
No caso dos animais pequenos, debemos levalos nunha caixa de transporte, fixada de maneira que non abanee. Os máis grandes poden ir atados ou ben tras dunha grella separadora. En ningún caso unha mascota pode estar solta dentro do habitáculo dun vehículo en circulación, nin debemos deixar que saque a cabeza por unha xaneliña (ademais de ser ilegal, pode causarlle conxuntivite e/ou otite).
Deberemos parar cada 2 horas (menos no caso dos cachorros) para que beban e, no caso dos cans, paseen un pouco e fagan as súas necesidades.
Se vemos unha mascota que se baba e se mostra incómoda, seguramente estará mareada. Debemos parar e permitir que se recupere (no caso dos cans, sacala do coche). Existen medicacións para evitar o mareo.
Non podemos permitir que o ambiente no interior se faga sofocante (ou que lle dea o sol, directamente ou á súa caixa), polo risco de provocar na mascota un golpe de calor. Nunca deixar mascotas soas nun auto pechado, aínda que quede á sombra e cas xanelas abertas.
 
Viaxar en TREN
Os animais de menos de 6 kg poderán normalmente viaxar cos pasaxeiros. Para os máis grandes haberá que sacar un billete e irán no departamento de carga, en condicións perfectamente seguras. Nos coches-cama normalmente tamén se permite a presenza de animais, pero se é compartido debe pedirse o consentemento do outro viaxeiro.
 
Doenzas contra as que debemos protexer ás mascotas que viaxan
 
En moitas zonas de España temos que protexer os nosos cans contra algunha destas patoloxías:
Filariose: o verme parásito Dirofilaria inmitis, que se contaxia mediante picadelas de mosquitos, medra nos vasos sanguíneos e termina ocupando as cavidades dereitas do corazón e os vasos que conducen aos pulmóns, causando graves trastornos cardiacos e respiratorios (tos, respiración ruidosa e dificultosa, cansancio, inapetencia), incluso a morte.
Medidas de precaución: usar un antiparasitario adecuado desde 1 mes antes da viaxe a unha zona de risco ata 1 mes despois.
Leishmaniase: o protozoo parásito Leishmania, que se contaxia mediante picadelas de mosquitos, pode causar nos cans insuficiencia renal e lesións en diversos órganos (pel, xogos, ollos...), podendo chegar a provocar a morte dos afectados. Ten tratamento, pero non cura.
Medidas de precaución: Utilizar nos cans produtos repelentes contra os mosquitos. Intentar non ter os cans en exterior ao final do día, sobre todo nas épocas máis perigosas (primavera e final do verán). Instalar mosquiteiras. Se se vai permanecer en zonas de risco significativo, vacinar ou medicar con medicamentos preventivos.
 
Normas xerais para o transporte de animais dentro da UE
 
Cans e gatos deben viaxar:
    • identificados mediante microchip,
    • co pasaporte correctamente cuberto e
    • ca vacinación antirrábica vixente.
Para viaxar ao Reino Unido, Irlanda, Suecia e outros países é precisa unha analítica de sangue previa que hai que facer con varios meses de antelación.
 
¿algunha cuestión acerca deste contido? coméntanola por medio do noso facebook ou o noso correo electrónico

Ningún comentario:

Publicar un comentario