`Queremos cuidar tus animales contigo´

mércores, 27 de xullo de 2016

Por qué existe Veterinario de Poio

O meu propósito nunca foi ter unha clínica veterinaria. O meu propósito é dedicar o meu talento e a miña capacidade a unha actividade con verdadeiro significado. Axudar ó benestar das mascotas e así ó das familias que teñen mascotas, e curar, cando sexa viable, as súas feridas e enfermidades... iso dá un significado válido a esta importante faceta da miña existencia.
Por iso, no meu desempeño diario preocúpome de que a experiencia da mascota no seu contacto co veterinario sexa a ser posible agradable; por iso me tomo en serio cada caso que xere sufrimento.
E por iso, porque honestamente creo que hai que dar unha boa solución para cando pasa algo grave fóra de horario, sosteño ata hoxe un servizo de urxencias, pese a que implica un sacrificio persoal moi importante por parte do equipo facultativo.

Para servir a ese propósito é polo que terminei tendo unha clínica veterinaria.
Unha clínica que integra un grupo humano que pretendo que se conforme coma un verdadeiro equipo.
Un equipo do cal me sinto responsable, especialmente no sentido de que entendo que un profesional que entra na clínica confía en que vai topar un entorno de traballo como mínimo razoable e en que será un lugar onde poder desenvolver o seu talento. Intento honestamente estar á altura e xerar as condicións para que estas lexítimas ambicións se poidan cumprir, pero tamén espero a cambio identificación cos valores que motivan a existencia da clínica, que lle dan a súa alma e que fan que sinta que está aportando algo a quen acode a ela.
Traballo para configurar un grupo profesional onde todos crean nunha mesma idea de como desempeñar a nosa función, que -claro está- será coherente co meu propósito.
Estou en calquera caso moi agradecido a tódolos integrantes da clínica, presentes e tamén pasados, pola súa dedicación e porque todos puxeron algo de seu para conformala tal como é hoxe. E sobre todo porque ben sabemos que non é fácil, que -por ben que o fagas- son moitas as veces en que as cousas non son ou non saen como nos gustaría, que emocionalmente é un traballo que pode ser devastador...

Precisamente por isto, temos que apoiarnos por rina de todo na nosa xenuína vocación e crer profundamente en que, pese a que moitas veces non imos todo o acerto posible (e non imos poder evitar atormentarnos pensando de que maneira poderiamos ter estado mellor), en xeral a nosa dedicación vai ser beneficiosa. Precisamente por iso temos que crer profundamente en que se o teu desempeño o fas dando o mellor de ti, finalmente o balance vai ser, nun sentido amplo, bo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario