`Queremos cuidar tus animales contigo´

venres, 7 de abril de 2017

COMO FACEMOS AS ANESTESIAS DAS MASCOTAS

A quen non lle impón a perspectiva dunha anestesia?
Certamente é un procedemento delicado, que en contadas ocasións, aínda que se faga todo ben, pode dar lugar a... ben, a algún tipo de susto. Por isto é obrigatorio, ao igual que nas anestesias de humanos, formalizar o consentimento informado. Agora ben, cun bo protocolo de actuación, o risco é francamente reducido.
É por isto que en Veterinario de Poio vimos de realizar un significativo esforzo nos últimos anos co fin de optimizar os nosos procesos neste aspecto: actuacións coma a realización de estancias formativas con profesionais de referencia a nivel nacional e a adquisición de novos equipamentos permítennos hoxe chegar máis lonxe no noso rol de anestesistas.

Desde hai xa bastante tempo, antes de calquera anestesia xeral programada, en Veterinario de Poio realizamos unha inspección específica de saúde que comporta como mínimo: chequeo físico, electrocardiograma, tensiometría e unha analítica de sangue máis ou menos completa segundo o coñecemento previo que temos do paciente. En animais maduros, ou que por algún motivo opinamos que temos motivos para facelo, realizamos tamén radiografías de tórax, e en determinadas circunstancias podería ser oportuna algunha outra proba, como por exemplo unha ecocardiografía: igual que en persoas nos sorprendería que nos pretendan anestesiar sen realizarnos antes "as probas", pois para nós, nos animais é semellante. A diferencia é que, ás veces, para poderlles facer as probas, sobre todo no caso dos gatos, teñen que estar xa sedados. Pero este non é un gran problema: en Veterinario de Poio temos un equipo de análise de sangue que nos permite obter os datos necesarios en poucos minutos.

Cun coñecemento suficiente do estado dun paciente, case sempre é posible elixir unha anestesia razoablemente segura, incluso en animais de avanzada idade. As excepcións virán sobre todo en caso de mala circulación sanguínea (deshidratación importante, choque) ou de insuficiencias cardíacas ou respiratorias graves. Hai algunha ocasión en que realmente non é prudente pretender anestesiar... 

Pero volvamos a cando si debemos intentalo, que será case sempre: unha precaución que debemos ter antes de calquera anestesia programada será retirar os alimentos algunhas horas antes, e tamén debemos intentar que o animal se presente o máis tranquilo posible. 

Unha clave fundamental para conseguir unha anestesia segura é definir unha combinación ideal de medicamentos que consigan os tres efectos básicos que necesitaremos: analxesia -isto é, evitar a dor-, relaxación e inconsciencia, de maneira adecuada e segura. A esta estratexia é ao que se lle chama anestesia balanceada
De feito, a analxesia normalmente será preventiva, isto é, empézase xa antes do procedemento a realizar, ca administración de medicamentos incluso desde o día anterior, e terminará cando creamos que xa non debe haber estímulo doloroso. Nas ocasións onde a dor pode ser máis difícil de controlar os animais permanecerán cunha combinación de medicamentos intravenosos o tempo necesario.
Xusto antes da anestesia en si, adminístranse uns fármacos cos que se pretende reforzar a analxesia e relaxar o animal: é a premedicación, que tamén nos permite reducir as doses necesarias dos anestésicos. 
O seguinte paso é a inducción anestésica, xerando xa a inconsciencia e a relaxación necesarias. Normalmente, despois manteremos a anestesia por medio de gases (osíxeno e isoflurano), utilizando un equipo de ventilación automática. Durante a anestesia, o noso monitor multiparamétrico permítenos controlar en todo intre os parámetros vitais necesarios (tensión, electrocardiograma, temperatura, concentración de osíxeno no sangue, concentración de anhídrido carbónico no aire espirado...)... e cando se vai terminar a operación frecuentemente tamén adaptaremos a medicación para que a recuperación sexa suave.
O pacente permanecerá nun entorno tranquilo baixo vixilancia ata que se complete a recuperación... non se mandará a casa ata que se recupere plenamente. Na maioría das ocasións, estamos falando de entre 1 e 4 horas... e de finales perfectamente felices!

Ningún comentario:

Publicar un comentario