`Queremos cuidar tus animales contigo´

xoves, 6 de xullo de 2017

Preguntas e respostas sobre a leishmaniose

A leishmaniose está presente na área de Pontevedra?

Temos que dicir que en efecto. Non temos xa unicamente casos de animais que estivesen noutros lugares onde a puideron ter contraído: tamén coñecemos casos de cans que, polo que parece, nunca saíron da nosa zona. Eso sí, a frecuencia a día de hoxe é certamente baixa, pero o previsible é que se incremente co tempo.

Temos que ter máis precaución se temos un río nas proximidades?

O flebotomo, o insecto semellante a un pequeno mosquito que por medio da súa picadela transmite a leishmania, reprodúcese na materia orgánica en descomposición, non realmente nos cursos de auga. Por tanto, aínda que os ríos poden propiciar entornos favorables, non son nin moito menos os únicos lugares onde se cría o perigo.

Cando teño que sospeitar que o meu can pode ter contraído a leishmaniase?

A aparición dos síntomas depende en grande medida de cántos anticorpos fabrique o sistema inmunitario de cada can, e ademais en cada animal a doenza maniféstase de maneiras diferentes: nalgúns casos, como insuficiencia renal; noutros, como lesións na pel; nalgúns deles, como coxeiras; ás veces, como anemias ou sangrados .... podendo ademais presentarse calquera combinación destes posibles síntomas... ou ningún. Así as cousas, o recomendable é facer unha proba para saber se existen anticorpos contra a leishmania. En caso positivo, debe enviarse unha mostra de sangue a laboratorio para saber a cantidade deses anticorpos, porque o que se debe facer vai depender en gran medida deste dato.

Cales son os cans que teñen un meirande risco de contraer a leishmaniose?

Pois os que permanecen fora, especialmente en contornos non urbanizados. O típico can de finca.

A leishmaniose ten cura?

Existe un medicamento que en ocasións consegue unha curación definitiva, pero nin moito menos o logra en tódolos casos e ademais non sempre se pode usar, porque é agresivo para os riles e a propia doenza tamén. Na práctica, na maioría dos casos, os cans con leishmaniose, aínda que evolucionen favorablemente, precisarán controles periódicos e ciclos de medicación durante o resto da súa vida. E non podemos esquecer que hai unha proporción importante de casos que non se poden controlar e acaban coa vida do animal. Por esto, é clave centrar os esforzos na prevención.

Se vacino o meu can contra a leishmaniose, xa me podo despreocupar?

Por desgraza non. As vacinas protexen en aproximadamente o 72% das ocasións. Por tanto, deberemos tomar medidas preventivas para evitar as picadelas dos flebotomos. De feito, esta é verdadeiramente a primeira medida que temos que tomar.

E como evito que lle piquen os flebotomos?

Pois de dúas maneiras básicas: primeira, usar produtos repelentes -existen colares, pipetas, pulverizacións-, e segundo, evitando a permanencia en exteriores nas horas de máis risco: na primeira hora da mañán e na tardiña, sobre todo nas épocas do ano máis perigosas (final da primavera e, sobre todo, final do verán) e moi especialmente en lugares onde teñamos constancia de que adoita haber mosquitos.

Entón, compensa en verdade vacinar?

No caso dos cans que permanecen normalmente en exteriores, a recomendación de Veterinario de Poio é xa que sí. Certamente estamos nunha zona relativamente afortunada, pero actualmente a frecuencia da leishmaniose xa é superior á de doenzas coma o moquillo ou a hepatite vírica e a ninguén se lle ocorre que debamos deixar de vacinar contra elas.

Pero a vacinación pode ter algún risco?

É certo que se coñecen casos de reaccións adversas significativas relacionadas con vacinacións contra a leishmania, sendo o facultativo veterinario quen debe valorar se pode haber algún risco especial que invite a tomar algún tipo de medida precautoria. En moitas ocasións, de feito, será pertinente facer primeiro o test para saber se o can xa é portador da leishmania.

E non existe ningunha alternativa ás vacinas para previr que os cans cheguen a padecer leishmaniose?

Pois sí, existe un tratamento que actúa sobre o sistema inmunitario de maneira que reduce 7 veces o risco de que se manifeste a enfermidade, polo cal pode ser incluso máis eficaz cá vacinación. O que sucede é que hai que usalo con máis frecuencia e que tamén pode ter algúns efectos secundarios. O mellor que ten é que resulta efectivo desde o segundo día, polo cal resulta ideal para cando imos viaxar a un lugar de elevado risco cun can non vacinado. Tamén se pode usar para tratar os casos máis leves.

O meu can vive nun piso na cidade. Realmente teño que facer algo?

Nós recomendamos qu se usen en tódolos cans repelentes da picadela dos mosquitos como mínimo nos meses de maio e xuño e desde fins de agosto ata entrado o outono. Existen colares que se llos poñemos, por exemplo, en Abril ou Maio, pois xa che resolven o ano. Lembrar que o uso eficaz dos repelentes xa consegue unha protección no entorno do 75%: incluso máis cá vacinación!

E se vacino e uso repelentes e/ou o tratamento preventivo, podo quedarme tranquilo?

Pois non por completo. Por desgraza, a protección completa non pode conseguirse. Pero reducir drasticamente o risco está nas nosas mans.

Ningún comentario:

Publicar un comentario